Friday 29 de March de 2024

A Xunta de Galicia mellorará as instalacións da Escola Infantil de Coirós para o vindeiro curso


Ampliarase o patio cuberto e renovarase o equipamento

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a escola infantil de Coirós, que pertence á rede autonómica da Galiña Azul e na que a Xunta prevé financiar obras de mellora de cara ao inicio do vindeiro curso.
Perfecto Rodríguez, que percorreu o centro acompañado do alcalde do municipio, Francisco Quintela, de técnicos do Consorcio e de técnicos municipais, coñeceu de primeira man o estado das instalacións. A visita serviu para valorar o custe da intervención, que se centrará na ampliación do patrio cuberto e na substitución e mellora de parte do equipamento.
As actuacións previstas realizaranse, tal e como manifestou o xerente do Consorcio, durante os meses de verán, especialmente en agosto, para non entorpecer o normal funcionamento do equipamento. As obras serán executadas polo concello, pero será a Xunta de Galicia quen as financie, xa que o importe das mesmas será compensado nas liquidacións que emite o Consorcio ao concello semestralmente.
Neste sentido, Perfecto Rodríguez, salientou a importancia da colaboración entre administracións, xa que fai posible levar a cabo este tipo de intervencións o mais axiña posible e sen interferir coa actividade da escola.
O centro, que ten unha capacidade máxima de 20 prazas conta con 17 nenas e nenos matriculados para o vindeiro curso 2019/2020. O xerente do Consorcio destacou que esta escola permite a conciliación das familias deste concello e engadiu que con estas actuacións mellorarase a prestación do servizo.